domingo, 26 de abril de 2015

Compartimos e apoiamos a seguinte información da ODS de Coia

Seguen os problemas da RISGA. Polo momento o decreto que ten que desenvolver a Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia segue na neveira, mais ben no conxelador. Na consellería falaban de mediados de 2015 como posible data de publicación do mesmo. Polo momento non hai novas, e os tempos fixados na lei están amplamente superados.

Non é que pensemos que o decreto vaia a mellorar a situación actual. Sabemos que consolidará a restritividade na aplicación que sufrimos, porén a aprobación do mesmo pode ser unha oportunidade -se somos quen de xuntar forzas e loitas- para rematar coa indefensión que provoca non ter un marco legal claro e definido.
Mentres agardamos polo decreto, as delegacións provinciais van, paseniño, actualizando os expedientes á normativa vixente aproveitando as revisións anuais dos mesmos. A nova lei mantén moitos dos problemas antigos engadindo, a maiores, novas e máis duras restricións. Facemos unha pequena enumeración dos, vellos e novos, atrancos:


Un ano de espera pola RISGA. Na delegación de Vigo están a resolver solicitudes presentadas en decembro de 2014. Os atrasos na Xunta, engadidos á demora na tramitación por parte dos servizos sociais do Concello de Vigo fan que teñamos que agardar máis de un 1 ano para poder cobrar á RISGA. Tanto Xunta como Concello de Vigo están a incumprir os prazos máximos de resolución marcados por lei, que non poden exceder os 3 meses dende o momento da solicitude.

- Como xa denunciamos varios colectivos, a nova lei deixa fóra da RISGA a cidadáns da Unión Europea que non acrediten “residencia legal”. Para poder acreditar esa residencia legal se esixe contar con ingresos económicos, incompatibles á súa vez, coa percepción da RISGA. O que, na práctica, está a supoñer que non se outorguen RISGAs a cidadáns da UE.

Imposibilidade de que varias unidades cobren a RISGA se viven nun piso compartido. A Xunta aplica agora o criterio: “unha RISGA por domicilio”. Aínda que sexan unidades familiares con nenxs a cargo.

Se tes un emprego precario non podes solicitar a RISGA. Se no momento de presentar a solicitude non estás desempregado non podes solicitar a RISGA. Da igual que sexa un emprego precario, a tempo parcial ou cun salario inferior á contía da RISGA.

Péchase a posibilidade de solicitar a RISGA se no momento de facelo percibes algunha axuda. Era moi habitual que perceptoras da RAI (=426€ x 11 meses) iniciasen a tramitación da RISGA con varios meses de antelación a que finalizase aquela, para tratar de no quedar ningún mes sen ingresos; o cal agora non é posible e polo tanto obrígannos a permanecer máis meses sen ningún tipo de ingresos.

A Xunta coas súas políticas sociais, lonxe de ir ás causas da desigualdade e da privación de recursos básicos que cada día sufrimos máis galegas (95000 fogares con todos os membros en paro, 37000 desempregadas en Vigo...), léanos no “labirinto da exclusión social”, avanza no control social das persoas empobrecidas e afonda en discursos que responsabilizan aos individuos de problemas sociais os cales precisan de respostas colectivas.
Fronte a isto tomamos o berro das compas de Alambique: Non tragamos máis ante a pobreza, a exclusión e a precariedade! 

Xa abonda de esmolas, de facer negocio coas nosas necesidades, de políticas de miseria, de controlarnos a vida, de precariedade... Fartas da súa cobiza seguiremos a traballar, a sumar forzas para superar os “salarios ou rendas para pobres” e dar paso á Renda Básica das iguais e moitísimo máis.

Coia, abril 2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario