viernes, 16 de octubre de 2015

Manifesto da Asociación Boa Vida. Mañán 17 de Outubro ás 12:30 na Rúa Siera



A Asociación Boa Vida como membro da EAPN quere sumarse no 17 do outubro, Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, á súa proposta de achegar ás forzas políticas da nosa cidade, do noso Parlamento  e á sociedade en xeral as nosas voces e conclusións froito da implicación nas diferentes xuntanzas de participación tanto a nivel galego como estatal e Europeo.

Porque a nós non nos exclúe ninguén e a participación social e política funciona e así debe seguir sendo. Falamos dos nosos deberes como cidadáns e demandamos os nosos dereitos a través da nosa actividade diaria e nos Encontros de Participación e Cidadanía inclusiva aos que asistimos.
Baixo o lema da campaña  “Concellos ao servizo das persoas”da EAPN, as forzas políticas candidatas ás eleccións municipais coñeceron  datos obxectivos sobre a  pobreza nos diferentes concellos galegos, así como a indigna “lotería social” dos baixos recursos destinados a combatela en moitos deles, sendo a nosa unha das cidades cos índices de pobreza máis altos de Galicia aínda que os nosos representantes no goberno local non parezan tomar consciencia e medidas visibles para loitar contra ela.
Daquela, como agora esiximos Compromiso (en orzamentos e planificación estable), Coordinación entre as administracións públicas e as organizacións sociais e unha loita contra as causas da pobreza e pola inclusión activa, moi lonxe do asistencialismo.
“Somos persoas, non zombis” resumía unha persoa xa con fogar contándonos como comezou a deixar de vivir na rúa.
Ter información veraz, debates mais próximos, eliminar privilexios e potenciar dereitos dando, deste xeito, máis voz ao pobo. Facer que as administracións estean de verdade ao servizo das persoas, nestes tempos onde a precariedade laboral, falla de recursos, recortes nos servizos sociais básicos e carencia de vivendas dignas, seguen sendo problemas da vida cotiá de moitas persoas, no só en Galicia senón tamén en toda España e no mundo.



Non estamos sos, descubrimos os “consello de cidadáns” en Portugal como un claro exemplo de participación das persoas en risco de pobreza e exclusión na vida social, política e económica.
Somos cidadanía activa e como tal, reclamamos e defendemos os nosos dereitos, reivindicamos o noso espazo e propoñemos medidas que cremos farán posible una sociedade máis xusta para todos e todas.
o   Garantir unha renda mínima (en Galicia a RISGA) para quen a precise. Evitando a burocratización e os elevados retrasos na súa xestión local e autonómica.
o   Transparencia nas actuacións das administracións públicas a nivel local, autonómico e estatal.
o   Compromiso a hora de facer fronte aos déficits actuais en materia de sanidade, educación : bolsas do comedor, material escolar, medicamentos, etc.
o   Vontade  e compromiso en materia de emprego, priorizando as persoas en risco de pobreza e exclusión social.
o   Loita activa e real contra o fraude fiscal e a corrupción. Esixindo responsabilidades inmediatas e non queden impunes os corruptos.
o   Facer que sexan compatibles as axudas e prestacións coa formación (con axuda de bolsa) e o emprego.
o   Garantir como dereito activo o acceso a unha vivenda digna, xerando fondos de vivendas no alugueiro e garantir teito digno ás persoas que sufriron desaloxos.
As palabras e as boas intencións xa non abondan. Propomos unha acción aos partidos políticos e á cidadanía que podedes recoller na mesa de Boa Vida.
Cunha pobreza e desigualdade cada vez más extremas e crónicas, son necesarias accións concretas que muden dunha vez a realidade.
Somos positivos e seguiremos a loitar polo que queremos:
Unha sociedade xusta e libre da pobreza e a exclusión.

Pontevedra,  17 de outubro de 2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario