Mostrando entradas con la etiqueta saúde. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta saúde. Mostrar todas las entradas

lunes, 20 de febrero de 2017

ASAMBLEA XERAL 2017

A asociación Boa Vida triplicou no 2016 a súa inversión en bolsas de traballo e contratacións
-O gasto en persoal incrementouse ata os 21.045 euros no último ano pola consolidación da tenda solidaria
-A Oficina de Dereitos e Deberes Sociais atendeu a máis de 200 persoas aportando información e formación laboral




A asociación solidaria pontevedresa Boa Vida Inclusión Activa celebrou esta mañá a súa asablea anual na que fixo balance dun ano 2016 no que destacou a consolidación de actividades como a oficina de dereitos e debers sociais (ODDS) ou a tenda solidaria. A boa marcha destas labores permitiu triplicar no último ano a súa aportación en bolsas de traballo e contratacións, ao incrimentarse dos 7.309 euros de 2015 aos 21.045 en 2016.
Na asablea destacouse tanto a consolidación da actividade de Boa Vida como a do grupo humano que a compón. Formado por 41 socios, o 2016 foi un ano de crecemento en relación con outras asociacións e administracións e que se reflictiu no incremento de actividades solidarias realizadas en Pontevedra e en Vilaboa ou Poio e Cambados, así como dentro da Rede Galega Contra a Pobreza EAPN-Galicia.
Dende Boa Vida reivindican medidas para facilitar traballo e cláusulas sociais nos contratos da administración pública e ofrece unha atención digna ás persoas en situación de porbeza e exclusión social. Como ferramentas, o colectivo proporciona espazos de formación, pero tamén de capacitación laboral como son os traballos de recollidas e a tenda solidaria, cuxos ingresos permitiron o importante incremento no gasto en persoal no 2016, traducíndose na creación de 9 bolsas de formación e a creación de dous contratos temporais a dúas persoas en situación de exclusión.
Os traballos de recollidas e a tenda solidaria foron levadas a cabo por máis de 20 persoas no 2016, entre persoal voluntario, contratado e bolseiro no número 16 da rúa Cruz Vermella de Pontevedra. Dende Boa Vida destacaban o incremento no 16% na recollida de donacións con respecto ao 2015, grazas as recollidas en domicilios como na tenda e outros puntos colaboradores do colectivo como Centro Leste, Café Moderno, Concello de Vilaboa ou Geriatros Vigo, Fusión Fitness en Xinzo de Limia, ou a Universidade de Vigo.

Máis de 200 persoas atendidas
No 2016 a asociación Boa Vida puxo en marcha de forma estable a actividade da Oficina de Dereitos e Deberes Sociais na rúa Marquesa. Nace co propósito de facilitar a persoas con menos recursos información e formación sobre a insercción na vivenda e o emprego, a saúde, economía doméstica, gasto enerxético e asesoramento sobre axudas sociais.
A actividade central da oficina son os Itinerarios de inserción, que este ano foron en total 25 dentro do proxecto "Itínere", en convenio coa Xunta de Galicia. Ademáis hai que sumar os diferentes cursos de formación celebrados en Pontevedra. No 2016 a Oficina de Dereitos e Deberes Sociais atendeu a 200 persoas con informacións puntuais e orientacións persoais laborais e formativas, así como os 25 participantes da V Escola de Verán, que este ano se dedicou a Guía de Axudas Sociais publicada coa axuda do Concello de Pontevedra e na que participaron os colexios oficiais de Taballo Social e Educación Social.
Tamén destacou a participación de membros da Oficina de Dereitos e Deberes Sociais de Boa Vida impartindo diversas conferencias en Monteporreiro ou Santiago de Compostela, así como diferentes actividades de ámbito reivindicativo como as Marchas da Dignidade, a campaña do día internacional contra a pobreza e nos grupos de traballo da EAPN-Galicia.
Na asamblea, os membros de Boa Vida renovaban o seu compromiso coas persoas en situación de probreza e exclusión coa que naceu a asociación. Así, presentaba o seu plan de traballo para este ano. Entre as iniciativas destacan o inicio da colaboración coa Universidade de Vigo, seguir ampliando a relación con asociacións e concellos da contorna, comunidades de vecinos e centros educativos.
Tamén ten o obxectivo de rexistrar a Boa Vida Trapera como empresa de inserción, así como progresar na súa consolidación, así como na da tenda solidaria. Ademáis, estase a deseñar un proxecto para aumentar a formación das persoas que acuden á Oficina de Dereitos e Deberes Sociais complementaria co proxecto "Itínere".

miércoles, 30 de noviembre de 2016

A VALEDORA DO POBO E OS “SEN TEITO” DE SANTIAGO

 Nós unímonos ao comunicado do Movemento Galego de Saúde Mental

                   A VALEDORA DO POBO E OS “SEN TEITO” DE SANTIAGO


Cando parecía que a cuestión dos denominados “sen teito” (persoas sen fogar, algunhas das cales viven na rúa) estaba a solucionarse en Santiago, a Valedora do Pobo vén de despacharse cunhas declaración públicas radicais e agresivas, tanto contra as persoas que se atopan nese estado como contra o Goberno do Concello de Santiago.

A acción desenvolvida polo Concello, facilitar vivenda e acollemento e dispoñer de equipos de rúa para as persoas aludidas (suplindo así a carencia de equipos asistenciais do SERGAS) , non logrou modificar unha actitude da titular da Institución que se resume na frase posta na súa boca que reza “la solución a los sin techo será incapacitarlos y someterlos a un tratamiento”.

Así. E xa estaría todo resolto según ela pensa.

Equipara a Valedora a unha persoa sen fogar cunha persoa sen capacidade de obrar e que polo tanto debe ser tutelada e ademais, según ela, debe ser tratada anque sexa contra a súa vontade. Someter é a palabra que se lle veu á boca. Como si ainda estivéramos no século XVIII.

Non se sabe que é mais chocante, se a simpleza e intolerancia da solución que se lle ocurriu ou que esta sexa defendida por quen ten entre os seus cometidos o de protexer os dereitos fundamentais das persoas que a ela acudan en amparo.

Sustenta esta tremenda proposta na valoración que fai dunhas condutas que, ou ben parecen problemas de convivencia no espazo público, ou mesmo quizais delitos menores. 

En ámbolos dous casos a incapacitación non acostuma a ser a solución, agás que a titular da Institución da Valedora do Pobo sexa coñecedora de motivos que aconsellen, para mellor protexer os dereitos desas persoas, proceder á súa incapacitación (xa que esa é a razón principal para esa actuación xudicial, e non outra). Isto situaríaa ante o deber de iniciar, no mellor cumprimento da súa misión institucional, a acción de incapacitación poñendo en coñecemento do Ministerio Fiscal a existencia desa persoa necesitada de protección. 

¿Por qué reclamar ó Concello aquelo que mellor pode facer ela mesma e que nun certo sentido, se fora coñecedora dos motivos que di coñecer, estaría obligada a facer?.

Noutros lugares, por outras figuras institucionais (algunha presidenta autonómica, por
exemplo), xa se fixeron propostas como esta, tan elementais e desconsideradas cos dereitos das persoas. Pronto se retractaron e recoñeceron que na sociedade temos que caber todos, afortunados e desafortunados, ricos e pobres, sans e enfermos,...

Non deixa de chamarnos a atención que mentres se fan estas propostas se nos teña
contestado pola Valedora á queixa formulada o pasado mes de abril , en relación coa tráxica morte dunha paciente psiquiátrica nunha residencia en Mondoñedo, na que chamábamos á súa actuación ante a situación de enfermos psiquiátricos en réximen residencial en lugares inapropiados para o seu estado, cun escrito no que se deron por boas as explicacións xenéricas dos plans de actuación das Consellerías de Política Social e Sanidade respecto á “externalización” de pacientes psiquiátricos (explicacións remitidas previa insistencia e seis meses despois de exposta a queixa).

Actitudes como as que subxacen ás opinións da Valedora son compoñentes esenciais da
estigmatización que sufren as persoas afectadas por trastornos mentais. Vencellar
prexuizosamente condutas (xa sexan incívicas xa sexan dun gusto que non se corresponde co noso) con incapacidade para rexerse, só contribúe á maior marxinación dos xa mais débiles, á insolidariedade social, á rixidez na convivencia, á uniformización e ó agochamento daqueles que ca sua presenza nos recordan a sociedade imperfecta e inxusta na que vivimos.

Son esas unhas actitudes opostas ás que debe ostentar alguén que ten como deber protexernos a todos e, sobre todo, ós mais fráxiles.


En Santiago a 28 de novembro de 2016
MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2016/11/27/solucion-sintecho-sera-incapacitarlos-someterlos-tratamiento/0003_201611S27C5991.htm